Por Gloria Montenegro. El País.
«Que a xente que nunca se achegou á música clásica poida desfrutala tanto como o fago eu». Este é o obxectivo que persegue o Festival Bal y Gay desde o ano 2014, cando o seu fundador, Enrique Rodríguez Baixeras, comeza a organizar unha serie de cursos con grandes clarinetistas como Vicente Alberola, clarinete primeiro da Mahler Chamber Orchestra, na parroquia de Nois, en Foz, na comarca da Mariña.
Ante a boa acollida da veciñanza desta iniciativa, na terceira edición organizouse un certame clarinetístico onde os tres finalistas tocaron cadansúa interpretación do concerto para clarinete de W.A. Mozart. «O público encheu o local e desfrutou integramente de cada unha das execucións que, en total, durou tres horas», explica en conversa con Nós Diario o fundador do festival.
Deste feito nace a idea de evolucionar o evento para darlle maior oferta de música clásica de calidade á Mariña. «Pouco a pouco fomos ampliando o programa e as artistas convidadas e a xente seguía acollendo os eventos con moi boa actitude», sinala Baixeras.
Tal é así que durante o pasado ano ampliaron as súas localizacións por diversos concellos da comarca que nesta edición chega até os sete concellos: Foz, Ribadeo, Burela, Barreiros, Mondoñedo, Lourenzá e Cervo.
Ante a falta de grandes auditorios na comarca e «querendo sacar a música destes lugares para poder darlle outro contexto», o Festival Bal y Gay realízase en espazos emblemáticos como a Basílica de San Martiño (Foz), a Catedral de Mondoñedo ou a Fábrica de Sargadelos (Cervo), mais tamén en prazas de pequenas vilas como Travada. «Son sitios marabillosos para escoitar un concerto», apunta Baixeras.
Todo este traballo leva á creación da Fundación Xesús Bal y Gay -músico e intelectual lucense que formou parte da denominada Xeración do 27- para poder así realizar outras accións relacionadas coa achega da música clásica á sociedade, como é o programa Schubert no Camiño, levado a cabo a pasada fin de semana, ou diversos cursos socioeducativos desenvoltos nos colexios e institutos da comarca. «A nosa idea é achegar este tipo de música ás meniñas e meniños a través da montaxe dunha ópera co alumnado dos centros. Nós poremos a orquestra e a rapazada as súas voces para os coros e mais farán os seus propios traxes», explica o fundador do festival e tamén presidente da fundación, Enrique Rodríguez Baixeras.
Grandes artistas internacionais
A oitava edición do festival terá lugar entre os días 18 e 26 de agosto. «Aínda non sacamos as entradas a vender porque estamos pendentes das limitacións de capacidade que teremos que aplicar nos concertos, mais sairán e realizaranse, igual que fixemos o ano pasado», indica Rodríguez Baixeras.
Nesta ocasión, os e as artistas convidadas son: o cuarteto de corda Seikilos; o pianista Javier Perianes; o guitarrista Pablo Sáinz Villegas; o cuarteto de corda Casals e a Orquestra Sinfónica da Galiza. Ademais, tamén contarán coa voz da cantaora María Toledo, quen interpretará «O amor bruxo», de Manuel de Falla, coa Orquestra de Cámara do propio festival e baixo a batuta de Jaume Santonja.
Separado un pouco deste estilo máis clásico e querendo ampliar a oferta do seu festival, a organización tamén oferta unha serie de concertos «máis populares pero tamén relacionados coa música clásica». Para esta edición e como concerto «máis de jazz», contan con Puro Gershwin, un proxecto integrado pola cantante Sheila Blanco, o pianista Federico Lechner e o guitarrista veterano Chema Sáiz.
Alén de todo isto, e xa cun enfoque máis familiar e didáctico, tamén forman parte do programa do festival o grupo de vento metal Hércules Brass e o ensemble vocal Cantoría.
Ante tal calidade de artistas, Baixeras comenta que está «asustado do que estamos a facer. Traer estas artistas ao festival, e incluso repetindo como é o caso do Cuarteto Casals, é algo que fai moita ilusión, mais asusta».
Orquestra propia
Para o fundador, o concerto que máis ilusión lle provoca, «aínda que todos son espectaculares», é o que realiza cada ano a Orquestra de Cámara do festival.
«Somos a organización quen chama as mellores rapazas e rapaces músicos que hai nas orquestras clásicas de todo o mundo para que veñan á comarca da Mariña a formar esta agrupación e así poder realizar un concerto especial», sinala Baixeras. Na pasada edición, esta formación «estaba integrada por profesionais de moitas nacionalidades, mais a metade eran de procedencia galega», destaca o presidente da fundación.